Archivo por meses: febrero 2014

Rompémoslle os ósos a un coello morto e logo falamos de nación

non atoparás sangue nos nenos desta cidade
e nunca máis os nenos terán sangue
queremos que a máquina faga nenos
nesta cidade sen sangue
nenos, nesta cidade, sen sangue

a herba móvese polas correntes de sangue
e as noticias e as túas meditacións
beben sangue ata vomitar

a velocidade imprégnate de sangue
e o sangue sóbeche á cabeza da máquina
cuxos mecanismos son todos de sangue
mentres as flores con sangue morren

os mozos e mozas son sangue
a letra con sangue non che entra
e os pubs e os bares e as vías de servizo
quéimanche moi fondo no sangue

afógaste en sangue,
tragas sangue
coses outra pel que pegas no teu sangue
e nunca conseguirás enganarte
por máis que queiras
nunca terás sangue azul

por moito que te negues
e non queiras velo ou che doia
o sangue aínda ten razón
só o sangue hoxe
segue a ser vermello e a saír da esquerda
mentres ti esperas un taxi, descalzo,
cos pés cheos de sangue
a ver se dunha puta vez podes escapar da cidade
e pensas que a culpa é do sangue
e non do coitelo